O Comité de Empresa, celebrou onte unha reunión extraordinaria para analizar unha serie de posibles accións de protesta contra o desmantelamento do servizo de limpeza. Así acordouse que a primeira delas, sería poñer en coñecemento de todos os partidos con representación no Concello a grave situación que están a padecer as traballadoras deste servizo, coa intención de solicitar o apoio para levar a cabo as medidas necesarias para que o servizo poida ser sostible e as traballadoras deixen de sufrir as condicións de sobrecarga actual.
A orde do día tiña un só punto
1. Proposta de accións contra o desmantelamento do Servizo Público de Limpeza.
A presidenta monopolizou a exposición dos feitos e indicou que a súa proposta pasaba por remitir un texto aos partidos políticos, para que se sumasen e apoiasen a continuidade do servizo de limpeza en condicións dignas.
Dende UGT concordamos coa remisión dun escrito aos partidos políticos, pero tamén suxerimos que simultaneamente se fixese unha rolda de prensa conxunta, na que estivesen presentes os dous sindicatos CIG e UGT e as traballadoras do servizo. Isto serviría para dar unha visión de unidade de cara á sociedade e a empresa, transmitindo así que pese a diferencias puntuais hai casos nos que se concorda necesariamente.
Dende a CIG botouse para atrás a idea, indicando que a prensa tende a cansarse cando a saturas cun tema e que xa se enviaran varias notas de prensa, polo que non lle vían utilidade, ademáis indicaron que á sociedade betanceira, pouco lle importaba si os sindicatos traballamos unidos.
Vese pois cal é o concepto do traballo sindical da CIG, que pasa polo "expoño, ordeno e mando" de feito xa o anunciaran na súa web fai uns días, dicindo que independientemente do que opinase UGT eles levarían adiante as medidas que propuxesen.
Despois deuse lectura ao texto, e acordouse envialo, un dos nosos delegados quixo facer unha puntualización ao mesmo, no que se falaba da ilegalidade da situación dunha compañeira do servizo. Mais dende a CIG cargaron as tintas contra a traballadora, e como aconteceu en anteriores ocasións volveron a poñer a compañeiros no punto de mira da súa acción sindical, facendo culpables a aqueles compañeiros aos que a administración non recoñece a súa situación real. O texto que finalmente se aprobou e enviou é o seguinte:
"En nome do Comité de Empresa do Concello de Betanzos e por acordo tomado na reunión extraordinaria que tivo lugar o 7 de xullo de 2015 no Centro de Formación Ocupacional dirixímonos ao PSOE/PP/BN/BNG/CXG para transmitirlle a nosa preocupación polo desmantelamento do servizo de limpeza do Concello de Betanzos que está composto na súa inmensa maioría por persoal laboral.
Esta situación leva un tempo sendo crítica e agravouse nos últimos tempos, especialmente nas pasadas semanas cos despedimentos de varias compañeiras, as baixas en aumento polo exceso de carga laboral en moitos casos e a modificación indiscriminada de condicións laborais sen cumprir os prazos de preaviso reflectidos na lexislación nin notificarllo nin comunicarllo aos representantes dos traballadores afectados por tales modificacións, é dicir, ao Comité de Empresa.
Na actualidade o Concello só conta con tres traballadores de limpeza de edificios para os seguintes locais: CEIP Francisco Vales Villamarín e aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín, Escola Infantil Municipal e Conservatorio López García-Picos, Biblioteca e Arquivo Municipal Castelao, Museo das Mariñas, Oficina Municipal de Información Xuvenil e Aula Cemit, Oficinas Xerais do edificio Liceo, Oficina de Turismo, Local social da Terceira Idade, Oficinas da Policía Municipal, Casa do Concello, Oficinas de Servizos Sociais e Centro de Formación Ocupacional. Tema a parte é a distribución do traballo de limpeza, con claros indicios de discriminación no reparto da carga laboral, que na actualidade conta cun só traballador para o CEIP Francisco Vales Villamarín, unha traballadora para Escola Infantil Municipal e Conservatorio e finalmente unha outra que ten asignada a limpeza das outras trece dependencias.
Neste último caso é especialmente grave a situación non só pola asignación de trece dependencias e a desproporcionada carga laboral que iso supón senón porque esa traballadora tiña concedida unha conciliación laboral e familiar por resolución da Alcaldía que lle deixaron de aplicar dun día para outro ao modficarlle mediante unha orde verbal o lugar e horario de traballo e partirlle a xornada de xeito que claramente dificulta a conciliación concedida con anterioridade. Este tipo de modificación das condicións laborais incumpre claramente o artigo 41 do Estatuto dos Traballadores e vulnera os dereitos do persoal, para alén de que a propia situación redunde claramente nunha sobrecarga laboral que as baixas existentes neste servizo de limpezo demostrar que é insostible.
A situación a día de hoxe é completamente precaria logo 2 despedimentos, 4 baixas non cubertas, 3 xubilacións sen reposición de efectivos e 1 traballadora de limpeza destinada a outras funcións. Na actualidade hai unha listaxe de substitucións vixente da que o Concello debe facer uso, mais recentemente e no canto de botar man desta, contratou a unha empresa para a limpeza dos edificios, iniciando o camiño da privatización de costas ao Comité e entendemos que a todos os outros partidos da oposición. Esta decisión é completamente inaceptable para este Comité de Empresa porque consideramos que vulnera o propio procedemento da Administración local para a contratación de persoal, toda vez que foi o propio Concello o que decidiu abrir unha listaxe para substitucións que a día de hoxe está vixente porque non se publicou ningunha disposición en contra. Esta ferramenta é a máis inmediata para solucionar o problema de efectivos da que o Concello pode botar man, e así o está a facer noutros servizos, como é axuda a domicilio, onde mesmo as vacacións das traballadoras están a ser cubertas na actualidade ao abeiro da listaxe de substitucións, o que demostra claramente que esta non só é unha vía que pode tomar o Concello senón que mesmo o está a facer para cubrir as vacacións doutros servizos".
No hay comentarios:
Publicar un comentario